A SD desperdiciou unha boa oportunidade de poñerse nos primeiros postos da clasificación logo de empatar cun mermado Guntín na soleada tarde do domingo.
A primeira parte comezou co gol tempraneiro de Brais, que remata de cabeza no primeiro pao no saque de esquina de Gelo. O partido continuou igualado, cos dous equipos dispoñendo de ocasións, como Richi que disparou á escadra dende lonxe pero parou o porteiro, ou Carlos e Brais polas bandas levando o perigo con centros pechados. Pero o Guntín non desperdiciou a súa e logo dun rexeite rematou a gol o dianteiro Javier.
Na segunda parte máis do mesmo. A SD dispuxo de tres ocasións máis que claras, primeiro cunha falta que supuxo a expulsión do capitán, na que Brais dispara, despexa o porteiro e dous disparos máis que logrou atallar; outra cando o pase da morte de Quintas foi rematado por riba do longueiro; e a última Carlos, que se vai de dous defensas, do porteiro, doutro defensa e cando consegue disparar rebota no último defensa que había por alí. O Guntín tamén tivo unha na mala saída de Marcos, pero o dianteiro mandou unha baselina que botou e pasou alta por milímetros.
Córtase así a boa xeira de resultados que viña colleitando a SD, e agora toca visitar ó Chandada B, rival difícil.