Na antepenúltima xornada o Castroverde visitou o campo do Ladairo. O equipo verdiblanco era consciente de que se enfrontaba a un equipo difícil que nunca pon as cousas sinxelas.
Comezaba o partido ca posesión de balón para o equipo visitante, un dominio que pronto se transformaría en ocasións de gol. No minuto 12 Bruno saca unha falta lateral que Gabi está a piques de converter no 0-1. Dez minutos máis tarde, o propio Gabi, remata dende fora da área unha boa xogada colectiva, o rexeite do porteiro cázao Manu López para facer o 0-1. Seguía o dominio do Castroverde, que tiña en Carlos o seu home máis desequilibrante, eran constantes as súas internadas por banda esquerda. Xusto antes de chegar ó descanso, nunha destas inclusións, saca un centro á área que envía ó fondo da portería un defensa tratando de despexar o balón. Co 0-2 chegábase o descanso.
A volta dos vestiarios, o Castroverde relaxouse un pouco e pasou uns minutos de dificultades, froito desta relaxación chegaría o gol local. Co 1-2 o equipo visitante volvería a ter ocasións pero non conseguía poñer distancia no marcador. Non sería ata o minuto 87 cando o Castroverde anotaría o 1-3 definitivo, Manu López saca un forte tiro dentro da área que rexeita o porteiro, este rexeite chégalle a Gabi que a portería valeira facía o 1-3 definitivo.
Con este resultado poñémonos líderes con un punto máis que o Monterroso B e 2 máis que o Portomarín. A vindeira semana xogamos na casa contra o Monterroso B, partido transcendental no que se pode decidir o ascenso de categoría.