Esta fin de semana presentábase cheo de fútbol na Veiga do Olmo. O sábado o Castroverde recibía ó Becerreá e o domingo ó Relámpago Taboada. Os dous encontros saldáronse con amplas vitorias locais.
O sábado chegaba á Veiga do Olmo un Becerreá con só once efectivos para afrontar o encontro. O Castroverde saíu o campo ca intención de resolver o partido o antes posible, no minuto 12 xa gañaba 2-0 con goles de Gelo e de Gabi. Un dominio claro do conxunto local fixo que se chegara ó descanso cun claro 5-0 no marcador, Gabi noutras dúas ocasións e Antonio eran os encargados de anotar os goles.
Á volta dos vestiarios a tónica do partido era a mesma, un Castroverde lanzado sobre a portería visitante ampliaba a vantaxe por medio de Antonio que facía o segundo da tarde na súa conta particular e de Mario que anotou o definitivo 7-0.
O domingo quen visitaba a Veiga do olmo era o Relámpago Taboada, que o día anterior perdera na casa contra o Rio Sil por 0-2. Os dous equipos comezaban o partido con algún xogador que levaba 90 minutos as costas do día anterior. Comezaba o partido cunha ocasión clara para o Castroverde, na que Gelo ca súa perna dereita enviaba o balón rozando o pau da portería defendida por Jacobo. Pouco despois respondería o Relámpago a balón parado. O marcador non se movería ata que Richard no minuto 20 anotaba o 1-0 logo dunha asistencia de Manu López, dous minutos despois o propio Richard volvía marcar para poñer o 2-0. Antes do descanso, anotarían Diego e Gelo, ambos goles despois de dúas boas xogadas do equipo local.
A volta dos vestiarios e co 4-0 no marcador o Castroverde seguía apertando na procura dalgún gol máis. Abel, collía un rexeite na área visitante para facer o 5-0, pouco despois o Relámpago anotaría un fermoso gol obra de Luis. Diego respondería co segundo na súa conta particular e Gabi, 3 minutos despois de ingresar no terreo de xogo, facía o definitivo 7-1.
Con estes resultados e despois da derrota do Monterroso B en Quiroga, colocámonos segundos cun punto de vantaxe sobre o Monterroso B que é terceiro e a 2 do Portomarín que é o líder, con un partido máis.