Web Oficial S.D. Castroverde

Un clube, unha paixón

Chegaba o Portomarín a Veiga do Olmo no mellor momento da temporada, 5 xornadas sen perder con unha media de máis de 5 goles marcados en cada partido. Prevíase un partido complicado para os locais, e así foi. Comezaba o encontro sen un dominador claro, moito xogo directo e pouco control no medio do campo. A pesar diso, no minuto 9, Gelo recibe un balón en banda dereita e saca un centro raso o cal rexeita o porteiro, como non podía ser doutro xeito aí estaba Manu López para coller o rexeite, mete a punteira e asiste a Carlos Gemelo, que enviaba o balón ó fondo das mallas e poñía o 1-0 no marcador.

O resto da primeira metade foi de dominio local, varias internadas de Carlos por banda esquerda, un cabezazo de Manu que saíu fora por pouco e un tiro afastado de Richard foron algunhas das ocasións que houbo nos primeiros 45 minutos. O Portomarín non conseguía chegar a meta local, defendida por un Rois que se mostrou moi seguro durante todo o partido. Co 1-0 de chegábase ó descanso.

A volta dos vestuarios, Portomarín consciente de que precisaba os 3 puntos para engancharse a parte alta da clasificación comezou a atacar con máis insistencia a meta local. O pichichi da categoría Óscar López puido poñer o empate en dúas ocasións, na primeira atopouse con Rois e na segunda mandou o balón moi desviado. A pesar das continuas tentativas do Portomarín a defensa local mostrouse moi segura, tendo en Bruno o xogador máis destacado dunha zaga que estivo sobresaínte. Xa contra o final do encontro o colexiado non pitou unha caída de Gabi en área rival, moi protestada pola bancada local.

Con este resultado a S.D. Castroverde segue líder con 2 puntos de vantaxe sobre o Monterroso e 9 sobre o Rio Sil. A volta do Nadal visitamos o sempre difícil campo de San Martiño, para enfrontarnos o Quiroga.