Web Oficial S.D. Castroverde

Un clube, unha paixón

Despois da xornada de descanso volvía o fútbol a Veiga do Olmo, e facíao nun partido duro que enfrontaría o cadro local contra a S.D. Laxosa. O partido comezaba sen un dominador claro, moito balón longo e posesións moi curtas. No minuto 14 de partido, Manu López e derribado por un defensor dentro da área, o colexiado non o dubida e sinala penalti. Sería o propio Manu o encargado de lanzar a pena máxima, logo do rexeite do gardameta, enviaría o coiro o fondo da portería visitante.

Pouco despois Manu tería oportunidade de poñer o 2 a 0 logo dunha boa acción individual de Diego, pero o esférico sairía alto. Estivo a piques de custarlle caro o erro a Esedé, xa que na seguinte xogada o equipo visitante obrigou a Marcos a facer unha boa estirada para evitar o empate. Co 1 a 0 no marcador chegábase o descanso.

Na segunda metade a tónica do partido era a mesma, non sería ata o minuto 55 cando Antonio aproveitaría un erro do porteiro visitante para poñer o 2 a 0 no marcador. O 3 a 0 sería obra dun incansable Manu López que logo doutro roubo na saída de balón do equipo visitante conseguiría facer o seu quinto gol no que vai de competición.

A vindeira semana a S.D. Castroverde enfróntase ao Relámpago Taboada, buscando seguir nesta senda de vitorias que lle permiten estar na parte alta da clasificación.