Empate a 2 tantos no partido que enfrentou ó Castroverde e ó Calasancio e que certifica de maneira matemática a permanencia dos verdibrancos na Segunda Rexional outro ano máis.
Os visitantes viñan necesitados de puntos posto que se encontraban en antepenúltimo lugar e os tres puntos metíanos na loita por non descender. Os locais, máis relaxados, buscaban o punto que faltaba para alonxar os postos quentes da táboa e saíron con algunha novidade no once inicial. Con estes precedentes ocorreu o que se esperaba e os vermellos dominaron a posesión e levaron o peso do encontro. Alternando xogo por baixo con balóns aéreos xeraban ocasións pero sen moito perigo. A SD na primeria parte apenas inquietou a porta monfortina. Froito deste dominio chegaría o primeiro tanto. Nun balón aéreo á espalda do lateral, con certa fortuna no rexeite, o interior visitante lograba controlar e ceder o esférico cara ó seu compañeiro na frontal. Éste só tivo que colocalo á esquerda de Aitor que nada puido facer. Co 0-1 o seu dominio proseguiu ante uns locais un tanto imprecisos no xogo. Sen cambios no marcador chegaríase ó descanso.
No primeiro tramo da segunda metade a tónica do encontro foi similar. Un Calasancio volcado no ataque e un Castroverde defendéndose como podía. Nunha xogada sen aparente perigo Carral controlaba o esférico en campo rival. Rodeado de contrarios no o pensou e mandou unha punteira ó ceo esperando un milagre. Milagre que chegou xa que por obra e gracia da Virxen ese despexe caeu en picado na escadra local. Manda carallo! O partido poñíase negro para a SD. As remontadas nunca foron o noso forte, pero esto algún día tiña que cambiar. Con tres xogadores de refresco o equipo volcouse no ataque. Con máis corazón que cabeza buscaron o gol pero éste aínda se fixo esperar uns minutos. Nun saque de banda colgado na área Gelo conseguía prolongar. No barullo da área o balón caeulle a Guti, que voltaba dunha longa lesión, e que o mandou ó fondo das mallas. O empate poñíase a tiro con este gol peero non ía ser tan cómodo.O Calasancio saíndo á contra puxo en máis dun apreto ós verdibrancos. A piques estivo de chegar a sentencia en sendas xogadas nas que o remate parecía sinxelo pero que sen embargo os dianteiros vermellos marraron de maneira estrepitosa. Cando o encontro morría chegou a xogada clave. O lateral visitante regalou unha falta lateral. Cun bo centro ó corazón da área o arqueiro non foi quen de despexar e o seu rexeite foi aproveitado por Javi para, co seu testarazo, igualar o encontro. Non houbo tempo para máis.
Permanencia matemática. Na próxima xornada visitamos ó Santa Comba, equipo correoso e que xoga ó límite do reglamento. O Castroverde tentara conseguir a terceira xornada seguida sen perder e sumar os máximos puntos posibles no que resta de liga.
Fdo. Bruno