Copio a crónica sacada da web do Santa Comba (aproveito para incluila nos enlaces) que da unha boa idea do que foi o partido:
STA. COMBA: Óscar, Asier (Leandro 80´), Adrián, Moncho, Rafa (Emilio 83´); Pibe (Pupus 83´), Lucas, Manu, Marcos (Diego 60´); Iván e Pablo (Cupeiro 75´).
CASTROVERDE: Marcos, Óscar, Bruno, Pereira, Javi; Iago (Toño 75´), Albino (Richard 32´ (Tino 63´)), Marcos, Jose; Carlos e Juan.
ÁRBITRO: Fraga Torres (Lugo)
GOLES: 0-1 Jose 40´ / 0-2 Adrián (p.p.) 50´
O Sta. Comba volve á crúa realidade despois da goleada diante do Arenas ó perder en Tras do Novo por 0-2 contra o Castroverde nun mal partido. Mala primeira metade, anaco de reacción na segunda e xusta derrota diante dun equipo que foi superior en moitas facetas do xogo a un cadro local perdido en imprecisións e cun estado de ánimo que non é o mellor para competir. Cando non tiramos todos para o mesmo lado pasan estas cousas, agora ben, desculpas nunca faltan.
Os primeiros 45´ foron de clara superioridade visitante. O Castroverde tocaba mellor a pelota, os seus xogadores adiantábanse na maoiría das accións e o seu posicionamento deixaba sen capacidade de resposta ós locais. Avisaron no minuto 20 cunha magnífica acción individual de Carlos que rematou ó poste da portería defendida por Óscar e adiantáronse no 40 nunha rápida contra a saída dun fóra de banda a favor do Sta. Comba. O balón chegou ós pés de Richard que, cun certeiro pase, habilitou a Jose para que este superara a saída de Óscar e levara o 0-1 ó marcador. Nos minutos finais puido empatar o Sta. Comba nunha boa xogada de Iván, pero Pablo pecou de parsimonia para rematar.
O partido quedou sentenciado no minuto 50 da reanudación cando Adrían, nun fallo de rexeite, marcou en propia meta o 0-2. A partir de aí o Sta. Comba puxo algo máis de gañas e levou algo de perigo sobre a meta dun seguro Marcos, con balóns colgados e cos centros dun activo Lucas, aínda que sen dispoñer de ocasións claras. O Castroverde, pola súa banda, si que estragou algunha para aumentar a avantaxe.
Malas sensacións as que sigue amosando o Sta. Comba e, o que é peor, que non se atisba moita capacidade de reacción. Boa imaxe do Castroverde que, polo visto hoxe, debería estar máis arriba na clasificación, aínda que nós somos especialistas e facer bos a todos os rivais.